RAICEIROS.ORG - WEB DA ASOCIACION RAICEIROS

NOVAS
QUEN SOMOS
PROXECTOS
CANTIGAS
GUNDIAN
O VAL DO ULLA
A REQUINTA
ACTIVIDADES
MUSEO VIRTUAL
CONTACTO

A mostra 'Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana', en Santiago

A mostra estreada por Raiceiros no 2008, con motivo do 50 aniversario da inauguración da ponte ferroviaria do Gundián sobre o río Ulla, pódese ver desde o 21 de novembro ata o 30 de decembro do 2011 na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, no horario do centro, desde as 09.00 ata as 21.45 horas.

Presentación de 'Cántigas da Ulla' e 'Coplas ulláns' en Cacheiras (Teo) e na Estrada

Tras falar en Valadares (Vigo) o 27 de marzo do 2011 das súas últimas publicacións, 'Cántigas da Ulla' e 'Coplas ulláns', Raiceiros deunas a coñecer o 5 de agosto en Cacheiras (Teo), no marco dun acto desenvolvido na librería O Trasno Viaxeiro con motivo da presentación de  'Cantares e desafíos do Entroido', de Edita Cobas. O libro de Cobas recolle as súas composicións para o Antroido da parroquia teense de Oza desde 1970 á actualidade. A imaxe de Héctor Rodríguez amósanos un momento desta actividade cultural. Así mesmo, as publicacións de Raiceiros e de Edita Cobas presentáronse na Sala de Exposicións de Novagalicia Banco na Estrada o pasado 8 de novembro.

Presentación dos libros de Edita Cobas e de Raiceiros

© héctor rodríguez 2011



Proxecto Cántigas da Ulla

Teño un amor na montaña,
teño un amor montañés.
Teño un amor na montaña
e na Ulla teño tres.

Raiceiros presentou o domingo 19 de decembro do 2010 na Estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) as dúas publicacións que recollen o resultado do proxecto 'Cántigas da Ulla', que incluíu unha primeira fase de recollida de coplas e outras cancións da tradición oral da xente da Ulla, co obxectivo de difundilas despois. A imaxe baixo estas liñas é da sesión de recollida desenvolvida o 13 de maio do 2009 no Centro da Terceira Idade de Vedra.

Recollida de coplas en Vedra © Raiceiros 2009

© raiceiros 2009



Uso didáctico da mostra sobre Gundián no colexio de Oca (A Estrada)

A mostra que conmemora o 50 aniversario do viaduto ferroviario do Gundián sobre o río Ulla elaborada pola Asociación Raiceiros estivo durante unha parte do no curso 2009-2010 no colexio de Oca (A Estrada), como complemento do proxecto do centro destinado a estudar a importancia que tivo na comarca a construción de infraestruturas ferroviarias.



Santa Cruz de Ribadulla acolleu a mostra sobre Gundián

A exposición que conmemora o 50 aniversario do viaduto ferroviario do Gundián sobre o río Ulla elaborada pola Asociación Raiceiros púidose ver en setembro do 2009 na Casa da Cultura de Ortigueira (Santa Cruz de Ribadulla, Vedra).




A mostra sobre Gundián, en San Miguel de Castro (A Estrada)

A mostra polo 50 aniversario do viaduto ferroviario do Gundián sobre o río Ulla elaborada pola Asociación Raiceiros púidose ver o domingo 12 de xullo do 2009 no local social de San Miguel de Castro (A Estrada), por onde pasou ó redor dun cento de persoas.

A exposición, que leva por título 'Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana' estivo en San Miguel de Castro grazas á colaboración da Asociación de Veciños O Castro e do Concello da Estrada.

A parroquia estradense de San Miguel de Castro, que é atravesada pola vía férrea Zamora-A Coruña, foi unha das máis involucradas na construción deste viaduto hai medio século pola súa proximidade, razón pola que ducias de veciños participaron nas obras da ponte ou da vía..


Colaboración coa Festa do Viño da Ulla

Raiceiros, como fai desde hai anos, colaborou na edición do 2009 da Festa do Viño da Ulla achegando un artigo que se pode ler aqui: http://www.festadovinodaulla.com/?q=gl/node/307 


Raiceiros, no encontro EMAX en Santiago

Raiceiros asistiu os días 7 e 8 de febreiro de 2009 ó III Encontro-Mostra Asociativa Xuvenil (EMAX) de Galicia e Norte de Portugal, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia. A sede é o pavillón Multiúsos Fontes do Sar en Santiago. Raiceiros comparte un posto coa Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón (Vedra). 

RAICEIROS NO ENCONTRO EMAX

© raiceiros 2009

A mostra sobre Gundián, en Vedra e A Estrada

En colaboración co Concello de Vedra, Raiceiros levou a San Miguel de Sarandón o 5 de abril do 2009 a mostra sobre os 50 anos da ponte de Gundián, coincidindo coa celebración da Festa do Viño da Ulla.

Posteriormente levouse ó Colexio de Oca (A Estrada), onde rapazas e rapaces puideron coñecer con detalle a riqueza cultural do contorno do Gundián, e iniciarán proximamente un proxecto de recuperación de lendas.

Tanto a publicación vencellada a esta mostra, 'Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana' como a anterior publicación de Raiceiros, a guía 'O Val do Ulla. Unha comarca natural' poden mercarse en:

- A Estrada: librerías Faro e Alberte Quiñoi

- Santiago: librerías Couceiro, Follas Novas e Gallaecia Liber

- Teo: librería O Trasno Viaxeiro, de Cacheiras

- Vedra: na antiga reitoral da Ponte Ulla, sede da Asociación de Veciños 'Virxe de Gundián'






© Asociación Raiceiros 2002-2011. Web creada en maio de 2002 e actualizada en agosto do 2011